miércoles, 14 de diciembre de 2022

1º BACHARELATO (DIURNO) - TAREFA VOLUNTARIA PARA SUBIR NOTA

 




O debate entre racionalismo e empirismo


As ciencias foron tratadas ou polos empíricos ou polos dogmáticos. Os empíricos, semellantes ás formigas, só deben recoller e gastar; os racionalistas, semellantes ás arañas, forman teas que sacan de si mesmos; o procedemento da abella ocupa o termo medio entre os dous; a abella recolle os seus materiais nas flores dos xardíns e os campos, pero transfórmaos e destílaos por unha virtude que lle é propia.

Esta é a imaxe do verdadeiro traballo da filosofía, que non se fía exclusivamente das forzas da humana intelixencia e nin sequera fai dela o seu principal apoio; que non se contenta tampouco con depositar na memoria, sen cambialos, os materiais recollidos na historia natural e nas artes mecánicas, senón que achégaos á intelixencia modificados e transformados. Por isto todo debe esperarse dunha alianza íntima e sagrada desas dúas facultades, experimental e racional, alianza que aínda non foi verificada.

Francis Bacon (1561 – 1626), Novum Organum (1620), 95 (adaptación)


Non hai dúbida ningunha de que todo o noso coñecemento comenza coa experiencia. Pois, como podería espertar a nosa facultade de coñecer, senón mediante obxectos que afectan ós nosos sentidos, e que ora producen por si mesmos representacións, ora poñen en movemento a capacidade do entendemento para comparar estas representacións, para enlazalas ou separalas, e para elaborar deste modo a materia bruta das impresións sensibles, coa vista nun coñecemento dos obxectos denominado experiencia? Por conseguinte, na orde temporal, ningún coñecemento precede á experiencia, e todo coñecemento comeza con ela. Mais, aínda que todo o noso coñecemento comece coa experiencia, non por iso procede todo el da experiencia. En efecto, podería ocorrer que o mesmo coñecemento empírico fose unha composición do que recibimos mediante as impresións, e do que a nosa facultade de coñecer produce (simplemente motivada polas impresións) a partir de si mesma. En tal suposto, non distinguiríamos esta adición, respecto a dita materia fundamental, ata que un prolongado exercicio non nos tivera axudado a reparar nela e non nos tivese adestrado para separala.

Immanuel Kant (1724 – 1804): Crítica da razón pura (1781), BI-2 (adaptación)



    Tras ler detidamente os textos anteriores, responder ás cuestións propostas. A suma dos valores indicados en cada unha das cuestións que se responda de modo axeitado poderá permitir sumar ata 1,5 puntos máis sobre a media das tarefas da primeira avaliación.

    Responder ás seguintes cuestións nun folio á parte, que deberá ser entregado IMPRESO na clase do luns 19 de Decembro do 2022 (ou antes desa data), se for o caso, ou durante a pausa dese día (se non é posible atoparse en clase). Non se recollerá ningunha entrega posterior ás 12:00.


[0,25] 1. Cal é a idea principal de cada texto? Escribila a continuación e citar algunha das partes nas que en cada caso se evidencia dita idea central ou principal.


[0,25] 2. No texto de Bacon, emprégase “dogmáticos” como sinónimo de “racionalistas”. Que signi-fica a primeira palabra (dogmatismo) e porque cres que Bacon a equipara á segunda (racionalismo)? Estás de acordo con el neste punto (é dicir, consideras que os racionalistas son, en maior ou menor medida, dogmáticos)? Por que?


[0,25] 3. Cal é a función do entendemento para Kant? Esta capacidade actúa antes ou despois que a de recopilar experiencias sensibles?


[0,75] 4. Explicar de xeito argumentado (deixando claro o porqué) nunha composición de texto os seguintes aspectos:

- cal dos dous textos resulta máis atractivo para ti;

(0,25) - cal cres que explica mellor a relación entre sentidos e razón;

- cal cres que tivo mellor acollida no momento de ser publicado;

(0,5) - que teoría che parece máis convincente ou consistente, racionalismo ou empirismo (ou ningunha delas), e por que.

Este exercicio (4) debe ocupar un mínimo de media cara de folio. Non hai que responder a cada un dos catro puntos por separado, senón que todos deben estar dentro dunha única redacción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario