lunes, 3 de octubre de 2022

APUNTAMENTOS 4º ESO - TEMA 1

 




UD 1

Que é a filosofía?


I

O significado da palabra filosofía.

Etimoloxicamente, o termofilo – sofía” está composto por dúas palabras gregas: filo (amor, ou “amor a”, “amor por”) e sofía (sabedoría, coñecemento). Na Grecia do século VI a.C., cando Pitágoras de Samos acuña este termo (segundo se di), o normal era considerar á xente sabia sofós, para referir a alguén que xa acadou o coñecemento. Ó empregar o termo filósofx referimos a alguén que busca o coñecemento: pola propia definición da palabra decatámonos de que nunca se acada o coñecemento total, senón que x filósofx vive nunha eterna busca.


II

A xénese do impulso filosófico.

O impulso filosófico non é algo diferente á necesidade de preguntarse cousas. Polo tanto, é a formulación de preguntas o punto de partida da filosofía: a filosofía aparece se non temos medo a preguntarnos polas cousas que máis inquietan ao ser humano, que ademais adoitan coincidir coas máis complexas de comprender. E este tipo de preguntas non son preguntas “normais”, non son o tipo de preguntas que estamos afeitxs a escoitar e respostar. Pola contra, a filosofía formula preguntas transcendentais, universais e atemporais.

Quizais a formulación de preguntas sexa o aspecto máis definitorio da filosofía, ou polo menos o que máis a distingue do resto de saberes: a filosofía aporta respostas, non solucións. Unha solución resolve un problema, é definitiva e non está sometida a debate, e é a forma de proceder da ciencia (por exemplo, as matemáticas resolven o problema “2+2” dicindo “=4”). Pola contra, unha pregunta pode ter varias respostas, e cal é a correcta pode debaterse extensamente: a diferenza das solucións (definitivas, pechadas), as respostas son abertas. En efecto, todas as preguntas teñen varias respostas das cales non se pode dicir que unha sexa máis correcta que as demais. Por exemplo, se nos preguntamos que é o amor, a bioloxía dirá que é un mecanismo natural para asegurar a supervivencia da especie, a poesía que é un sentimento propiamente humano e ata certo punto inexplicable dun xeito teórico, a socioloxía que é unha maneira agradable de relacio-narse entre individuos... Ningunha é incorrecta, mais tampouco ningunha posúe a verdade absoluta. O traballo da filosofía consiste en artellar a relación entre todas esas respostas diversas, recuperando a parte de verdade que hai en cada unha delas.

Mais, cal é a temática da filosofía, logo? Como se ve no exemplo anterior, no se encadra especificamente na bioloxía, na poesía ou na socioloxía, senón en todas esas áreas a un tempo. Así, a filosofía é unha reflexión sobre todos os saberes e sobre o propio saber. En tanto que saber específico, a filosofía divídese en diversas ramas (filosofía das matemáticas, filosofía da historia, filosofía da música, etc.) que unhas veces achéganse máis á ciencia (como é o caso de Galileo, Newton, Freud, etc.) e outras veces máis ao campo artístico (como son os casos de Lucrecio, Franz Kafka ou Thomas Mann). Neste sentido adoita caracterizarse á filosofía coma un saber de segunda orde, o cal quere dicir que reflexiona sobre conceptos, significados, etc. doutras ciencias e artes (que serían os saberes “de 1ª orde”). Agora ben, precisamente como a filosofía reflexiona sobre todos os demais saberes e do propio saber, debe ser concibida, principalmente, en tanto que saber ou ciencia universal (da totalidade): ocúpase de todas as ciencias e artes, e tamén dos obxectos que lles son propios, así como das relacións existentes entre ditos elementos.


O paso do mito ó logos.

A palabra “mito” vén do termo grego μυθος (mythos), que significa conto ou relato. Para estes efectos, podemos entender o mito coma unha narración fantástica que explica a orixe da realidade. Cómpre sinalar aquí as diferenzas entre mito e lenda: ademais de que nos primeiros adoitan intervir os deuses (en tanto que as lendas baséanse en feitos reais), a principal diferenza é que os mitos son universais (explican a realidade e o mundo na súa totalidade) e as lendas son particulares (explican sucesos concretos). Vemos que o mito ten, ante todo, unha función expli-cativa (explica a realidade), mais tamén unha función educativa (indica cal é a conduta correcta). Aínda que menos importante, os mitos tamén servían para entreter, análogo a ver unha película ou ler un libro hoxe en día.

Se ben a palabra mito pasa case sen modificacións ó galego e ó castelán, no caso de logos posiblemente resulte máis complexo adiviñar o seu significado se non se tivo un previo con-tacto coa filosofía. Logos é unha palabra grega (λóγος) de difícil tradución por significar tanto palabra, ou linguaxe, coma pensamento, ou razón. Refire tanto a un plano comunicativo (de comunicar, falar, transmitir) coma a un plano reflexivo (de reflexionar, pensar, razoar). Isto é lóxico xa que a nosa forma de pensar modela a nosa forma de comunicarnos, e viceversa. Unha tradución ao galego pode ser a de discurso: a primeira acepción do DRAG defíneo coma un “Razoamento, xeralmente pronunciado en público, no que se desenvolve un tema, expresando o que del se sabe ou pensa ou tratando de convencer o público”, e a cuarta coma a “Liña de pensamento dun grupo ou partido”. A segunda condensa ambas, e tamén o significado de logos: “Expresión verbal do pensamento”.

En todo caso, o que nos interesa aquí é que o paso do mito ó logos significa abandonar o pensamento fantástico, imaxinario, moitas veces caótico e con gran influencia da relixión para abrazar o pensamento racional, crítico e ordenado. Cando se empeza a botar man da razón e a linguaxe (é dicir, do logos) como ferramentas para responder preguntas transcendentais dicimos que nace a filosofía. Isto ocorre nas colonias gregas do Mediterráneo por darse nelas unha combinación de factores que se detallan a continuación. Pola propia natureza do logos, a filosofía enténdese como saber racional, que se contrapón á irracionalidade do mito: a capacidade para razoar permítenos explicar o mundo sen necesidade de acudir a outras instancias, coma os deuses.

Principais factores que posibilitan a aparición do pensamento racional1.

1) Liberdade de pensamento e de expresión.

Se ben os mitos supoñen unha explicación universal que ademais ten valor no campo educativo, hai que recoñecer que moitas veces carecen de sentido, especialmente se se comparan entre si. Os mitos variaban en función da zona e do momento histórico concreto, polo que resulta imposible confiar neles para establecer unha verdade única e consensuada.

Esta liberdade de pensamento para narrar e interpretar os mitos de xeitos tan diversos estaba presente na sociedade grega, mais non existía noutras culturas coetáneas. Isto supón o primeiro paso para que precisamente en Grecia se comecen a cuestionar as explicacións míticas. Ó fin e ó cabo, as personaxes dos mitos son as mesmas que as dos relatos relixiosos (deuses), polo que ó non poder establecerse unha doutrina fixa desenvólvese unha tolerancia relixiosa que nunca antes fora vista. Ao non verse atados por ningunha doutrina relixiosa concreta, os individuos atopan unha excelente oportunidade de estimular a súa curiosidade e de formular novas preguntas sen medo a ser castigados por dar respostas diferentes ás xa establecidas.


2) Avances técnicos froito da actividade comercial.

Ó mesmo tempo, a nivel comercial e militar as polis (cidades-Estado) gregas tiñan unha vida moi activa, tanto entre elas coma cos seus veciños. Conseguintemente, tiñan métodos de navegación bastante avanzados, e a súa cultura expandiuse a este (actual Turquía) e oeste (actual Italia). O descubrimento de novos lugares e culturas e a normalización das viaxes fixo necesaria a elaboración de mapas, que poucas veces correspondían á descrición mitolóxica dos lugares que representaban. Este tipo de avances técnicos (na enxeñaría, na cartografía, etc.) foron o segundo elemento para asentar a desconfianza no mito e paulatinamente demandar outro tipo de explicación da realidade.


3) Multiculturalidade (expansión cultural do mundo grego).

Mais o principal motivo de que se abandonase a explicación mitolóxica é a consecuen-cia directa do anterior: ó chegar a novos territorios, a cultura grega entrou en contacto con outras moi diferentes, que tiñan os seus propios mitos e costumes, obviamente moi diferentes ós gregos, pero que explicaban os mesmos fenómenos e cumprían funcións similares na sociedade. Así, o contacto con outras culturas e o ambiente cosmopolita que se respiraba nas polis gregas, especialmente as que non estaban no territorio orixinal grego (Éfeso, Mileto, Crotona, etc.), posibilitou e acelerou enormemente o que hoxe entendemos como paso do mito ó logos.


4) Progresivo aumento da importancia das regulacións propiamente humanas (artificiais).

A fundación de novas cidades e a reestruturación das xa existentes que acompañou á expansión cultural grega trouxo consigo a necesidade dunha lexislación, unha ley escrita que regulase a convivencia. Se ben para explicar fenómenos naturais o pensamento mítico si pode ter certa utilidade, non serve en absoluto como axuda na elaboración dunha lexislación (e aínda menos no caso grego, onde os mitos non tiñan ningunha “versión oficial” á que observar). Este sería o cuarto motivo polo cal se deixa de lado o mito, en favor do logos.


5) Existencia de tempo libre.

Finalmente, e de xeito paralelo á expansión da cultura grega, os avances técnicos permitiron facer menos duras, menos perigosas e máis breves certas tarefas da vida cotiá. Por outra banda, a man de obra escrava permitía ó resto da poboación gozar, quizais por primeira vez na historia, de tempo de ocio. Non ter que preocuparse de cubrir as necesidades básicas como comer permitiu á elite das polis gregas adicar o seu tempo a preguntarse por aspectos transcendentais (a orixe do cosmos, nun primeiro momento, ou a natureza dos valores morais, algo despois) dun xeito novo e revolucionario: empregando o logos, e sen botar man do mito.


A evolución do pensamento filosófico ó longo da historia occidental.

A filosofía non ten unha data de nacemento concreta, pois enténdese que os mesmos factores que levaron ó desenvolvemento do pensamento racional no pobo grego puideron darse simultaneamente noutras rexións do mundo, principalmente no continente asiático ou nalgunhas rexións do norte do continente africano. Non obstante, polo xeral fálase da filosofía exclusivamente dende a tradición occidental, algo que por desgracia afecta a case todas as disciplinas. Outro aspecto negativo que segue afectando a case todas as disciplinas é a invisivilización das mulleres, e a filosofía non é unha excepción neste sentido. Pese a estes problemas, trazar un pequeno mapa mental da historia da filosofía serve para, polo menos, ter un marco de referencia no que situar xs pensadorxs que se traten ó longo do curso.


Antigüidade.

1) Presocráticos.

O “primeiro filósofo” da historia suponse que foi Tales de Mileto, un home que viviu na rexión de Xonia (hoxe Turquía) no século VI a.C. e que se engloba dentro da corrente presocráti-ca.

A preocupación básica deste grupo de filósofos era a orde cósmica, para o que empregaban dous termos fundamentais: arkhé, que podemos entender coma principio de todas as cousas, e physis, que é precisamente ese “todas as cousas” (o conxunto de elementos que compoñen a natureza). O nomeado paso do mito ó logos dáse neste período.

2) Sofistas e Sócrates.

No século V a.C. hai un novo salto, esta vez do estudo da physis (a natureza e o cosmos) á preocupación pola vida social e política, que se condensa no nomos (termo que refire ás normas e institucións públicas). Xs filósofxs deste período reflexionaban sobre a vida nas polis, sobre o que hoxe chamamos política por este mesmo motivo.

Basicamente, cómpre distinguir entre a posición socrática, segundo a cal os valores e normas morais existen por natureza e a nosa tarefa é descubrilas, e a posición sofista, que considera as regras e institucións son convencións creadas polo ser humano. No primeiro caso, os valores morais son universais, no segundo son relativos a cada época e lugar.

Este enfoque relativista tamén afecta á concepción da verdade dos sofistas: non hai unha verdade absoluta, senón que o que é certo depende das circunstancias. Para Sócrates, pola contra, a verdade é única.


3) Platón.

No século IV a.C. aparece en Atenas un home cuxa vocación é conciliar o pensamento presocrático co socrático-sofista: Platón. Fora discípulo de Sócrates e é o primeiro filósofo en falar de todos os que serán os grandes temas da filosofía ó longo da historia:

- a pregunta pola realidade (ontoloxía),

- a pregunta pola verdade e o coñecemento (epistemoloxía),

- a pregunta polo ser humano (antropoloxía),

- a pregunta pola acción individual (ética) e

- a pregunta pola acción colectiva (política).


4) Aristóteles.

Aristóteles foi discípulo de Platón, pero está moi distanciado del no que respecta ó pen-samento filosófico. No obstante, constitúe o outro piar da filosofía occidental ó tocar tamén todas as áreas de coñecemento existentes mediante a filosofía. O propio Aristóteles dirá de si mesmo que se percibe coma o gran sistematizador, ou ordenador, da filosofía grega.


5) Escolas helenísticas.

A descomposición do imperio de Alexandre Magno (356 – 323 a.C.) no mesmo ano da súa morte xera na rexión mediterránea un clima de inestabilidade política e cultural, o que leva a que nos séculos III e II a.C. aparezan as grandes escolas do pensamento helenístico: estoicismo, epicureísmo e escepticismo, ademais da escola cínica, que xa existía anteriormente pero volve a gañar algo de protagonismo neste período. De xeito paralelo, a cidade de Alexandría comeza a desprazar a Atenas como centro cultural e fogar do coñecemento.

Todas as escolas helenísticas demostraron ter unha enorme influencia nos séculos poste-riores, en concreto o estoicismo pode entenderse como a forma de pensamento dominante durante todo ou gran parte do Imperio Romano, e aínda hoxe en día está máis presente do que quizais sexamos conscientes. Para atopar un punto en común, hai que destacar que as escolas helenísticas propoñen a ataraxia (estado de paz mental non que non hai turbacións, imperturbabilidade) como método para acadar a felicidade.


Medievo.

A aparición e rápida expansión do cristianismo leva a que durante os últimos dous séculos do Imperio Romano e todo o Medievo europeo, Deus e a salvación da alma sexan practica-mente os únicos temas de reflexión. Agora ben, deste período datan os primeiros contactos da Europa medieval coa filosofía musulmá e aristotélica (precisamente porque fora traducida polos anteriores).


Modernidade.

A Modernidade é unha época histórica difícil de concretar pero que abrangue todo o século XVII e, polo menos, gran parte do XVI e do XVIII (se non tamén completamente).


1) Renacemento.

O Renacemento (séculos XV e XVI), como o seu nome indica, é unha volta ás orixes: volven as preocupacións polas leis que rexen o universo e a natureza, así como pola organiza-ción política. Enténdese coma un desafío a máis de dez séculos de teocentrismo, pois o Renace-mento será o primeiro movemento filosófico que, sen ningún tipo de reserva, sitúe ó ser humano coma centro de todo o pensamento. De aí que este movemento se asocie comunmente ó do huma-nismo, e quizais unha boa representación deste feito sexa que o famoso Niccolò Machiavelli [Ma-quiavelo] non se preocupou dos designios divinos na súa proposta de organización da sociedade, se-nón que foi un dos primeiros (se non o primeiro) en facer o que moito despois se caracterizará coma realpolitik.

2) Revolución científica e o gran debate epistemolóxico moderno.

Durante o século XVII desenvólvese unha nova forma de elaborar o discurso científico, que se instaurará como a maneira canónica de facer ciencia nos séculos posteriores. Aparece así a ciencia moderna a través do que hoxe coñecemos como Revolución científica, cuxos principais representantes son Nicolás Copérnico, prematuramente, Johannes Kepler, Galileo Galilei e Isaac Newton.

A aparición da ciencia moderna permitirá a importantes filósofos coma René Descartes, Baruch Spinoza (racionalistas), John Locke ou David Hume (empiristas) deixar de lado a reflexión sobre a natureza (pois é algo do que se encarga a nova ciencia) e se centren no problema do coñecemento. Neste sentido, os racionalistas defenden que todo o coñecemento provén en última instancia da razón e os empiristas o contrario, que a razón é só un depósito para procesar os datos que nos ofrecen os sentidos.


2) Ilustración.

Este debate epistemolóxico (sobre as fontes e límites do coñecemento) será o que domi-ne o continente europeo ata que Inmanuel Kant o resolva, polo menos en principio, na súa obra Crítica da razón pura (1781). Kant é usualmente chamado “o derradeiro ilustrado”, por inserirse nesta corrente e morrer xa no século XIX.

O movemento ilustrado, que se estende por toda Europa durante o século XVIII, é o que sela a filosofía como saber crítico: por unha banda, critica a orde socio-política establecida (proceso que culminou coa Revolución Francesa), e por outra tamén lanza unha mirada crítica sobre as crenzas establecidas e costumes vixentes. A Ilustración oponse á tradición europea, en esencia, cos tres dogmas da Revolución Francesa: liberdade, igualdade e fraternidade.

É de destacar que o pensamento ilustrado ten unha concepción optimista da historia; é dicir, considera que os avances técnicos e sociais só poden desembocar nun mundo mellor e cada vez máis civilizado. Esta idea será discutida amplamente nos anos 40 do século XX por dous importantes pensadores da Escola de Frankfurt, Theodor Adorno e Max Horkheimer a través da súa obra A dialéctica da Ilustración.





Séculos XIX e XX.

1) Século XIX.

No século XIX aparecen importantes correntes artísticas, filosóficas e culturais entre as que destaca o Romanticismo. Se a Ilustración se desenvolvera principalmente en Francia, o Roman-ticismo desenvolverase principalmente en Alemaña, tendo notable influencia en pensadores coma G. W. Friedrich Hegel (filosofía da historia) ou Friedrich Nietzsche (vitalismo).

Outras correntes coma o positivismo pretenden achegar a filosofía á ciencia e inflúen en Charles Darwin (teoría da evolución) ou Sigmund Freud (psicanálise).

A revolución industrial leva asociada a aparición e do proletariado como clase social. As condicións de vida nas sociedades industrializadas levan a Karl Marx e Friedrich Engels a apoiar movementos de liberación, ata o punto de que hoxe en día o marxismo é unha doutrina asentada e ambos autores considerados os que deron forma ó movemento comunista.

De xeito paralelo comeza a desenvolverse o movemento sufraxista e aparecen importan-tes voces no seo da filosofía que reivindican o papel das mulleres, denuncian a súa invisivilización e reclaman dereitos fundamentais (sendo quizais Mary Wollstonecraft o caso máis destacable).


2) Filosofía analítica.

Durante os derradeiros anos do século XIX e os primeiros do século XX aparecerá o que hoxe coñecemos como filosofía analítica, unha forma de reflexión que fai un uso extensivo da lóxica para probar os seus razoamentos e que despreza á metafísica por non considerala un coñecemento probable (isto é, un coñecemento que se pode probar), senón só mera especulación.

A filosofía analítica abre novos campos coma a filosofía da linguaxe (onde cómpre destacar a Ludwig Wittgenstein) ou a filosofía da ciencia (onde destacan Karl Popper e Samuel Kuhn), que aínda gozan de gran vitalidade hoxe en día, sendo o lugar común dos debates filosó-ficos actuais.


3) Século XX.

Se ben a filosofía analítica se asenta no primeiro terzo do século XX, a metafísica tamén tivo importantes representantes neste período (ou inmediatamente despois), entre os que destaca Martin Heidegger. Seguindo dalgún xeito a súa estela, aínda que con notable distancia, Jean-Paul Sartre, Simone de Beavoir e Albert Camus pregúntanse polo sentido da existencia do individuo, constituíndo o núcleo principal da filosofía existencialista, e Beauvoir, ademais, dota de consisten-cia ó movemento feminista, sendo aínda hoxe unha autora moi actual.


III

Principais áreas do saber filosófico.

A pregunta básica da filosofía é sempre polo ser humano, se ben os diferentes enfoques sobre o mesmo (cal é o lugar do ser humano no universo, cal é a maneira de convivir con outros seres humanos, ata que punto o ser humano pode responder a estas preguntas, etc.) levan á aparición de diferentes áreas (cosmoloxía, filosofía política, epistemoloxía, etc.). Así, algunhas das ramas da árbore da filosofía son as seguintes:


a) Antropoloxía: estudo da natureza do ser humano. A función principal desta discipli-na é permitirnos o autocoñecemento, ao aclarar a nosa posición no mundo e no cosmos. Pregúntase pola orixe e natureza do feito humano.


1) Ética.

É a reflexión sobre o ben, os valores e a acción humana. A ética caracterízase pola súa autonomía: os razoamentos éticos teñen unha coherencia interna, non precisan recorrer a autoridades externas (sacerdotes, políticos, etc.) nin tampouco a costumes ou hábitos (o que xente di ou fai). Os principios éticos son universalmente válidos (dirixidos a todas as persoas) e racionalmente comprensibles (toda persoa pode comprendelos grazas á capacidade racional do ser humano). A bioética é unha rama especialmente destacable da ética que se define coma unha análise do que é correcto e incorrecto facer cando o ser humano comeza a manipular a vida.


2) Ontoloxía.

Consiste na pregunta polo ser como tal. Moi ligada a ela vai a cosmoloxía, que se pregunta pola relación entre os entes do universo.


3) Lóxica.

A lóxica é a teoría do pensar ordenado e argumentado. Na antigüidade o significado de lóxica era simplemente o de pensar con corrección, con coherencia. Hoxe podemos dar unha definición algo máis elaborada pero en esencia moi semellante: intento de sistematizar o pensamen-to humano de tal xeito que poida ser comprendido de xeito obxectivo. A lóxica non se centra en ensinarnos o que é verdadeiro e o que é falso, senón en darnos os mecanismos para descubrilo por nós mesmxs. A isto é ao que chamamos razoamentos válidos e inválidos, e non necesariamente corresponden de xeito respectivo ó verdadeiro e ó falso (podemos facer un razoamento válido que leve a unha conclusión falsa, por exemplo por falta de información, e podemos chegar a unha conclusión verdadeira a través dun razoamento inválido, por sorte ou casualidade).


4) Epistemoloxía.

Tamén chamada teo-ría do coñecemento (por motivos evidentes) ou gnoseoloxía (polo significado de gnosis2), é o estudo da esencia e os límites do coñecemento. A epistemoloxía estuda a relación entre o suxeito que coñece e o obxecto coñecido. Unha pregunta clásica da epistemoloxía que tivo presencia case ininterrompida ó longo da historia da filosofía é sobre as fontes do noso coñecemento: “son fiables os sentidos?”, ou, o que é o mesmo, “obtemos coñecemento mediante os sentidos ou mediante os razoamentos internos que facemos?”. A filosofía da ciencia é unha parte da epistemoloxía que estuda os fundamentos e métodos da ciencia.


5) Filosofía política.

Consiste na análise da función e sentido do Estado. Observa a relación entre sociedade e Estado, así como a maneira na que os cambios materiais afectan a esta relación.





2Nome común grego para coñecemento (γνῶσις). [https://es.wikipedia.org/wiki/Gnosis_(gnosticismo)]


No hay comentarios:

Publicar un comentario