miércoles, 30 de noviembre de 2022

1º BACHARELATO - Instruccións, temas a escoller e datas de entrega da disertación

 




A disertación: defensa argumentada da opinión propia.


Que é e para que serve unha disertación.

Disertar (facer unha disertación) consiste en elaborar unha composición (xeralmente escrita) sobre un asunto filosófico, no que se dá un punto de vista persoal argumentado. É moi importante que estea argumentado: dar unha opinión sen argumentar a favor da mesma e/ou en contra da oposta non ten ningún valor no eido filosófico.

A maneira de abordar o problema comeza necesariamente investigando e presentando as distintas posicións que intentan resolvelo (veñan dende o campo filosófico, científico, artístico, etc.), e logo tomando posición a favor ou en contra dos puntos de vista expostos. Para isto último é preciso tomar referencias doutrxs pensadorxs (que coincidan ou discrepen) e expoñer os seus argumentos para reforzar a propia posición ou para criticar a contraria. Non obstante, isto non exime da utilización de argumentos propios, resultado dunha reflexión persoal e unha ou varias revisións e reformulacións.

Unha disertación serve, antes de nada, para desenvolver e poñer a propia capacidade de formular problemas filosóficos, comparar posturas e argumentar a favor ou en contra dun punto de vista. Idealmente, poderíase chegar a aportar un punto de vista novo, aínda que isto non sucede individualmente, senón que é froito de conxuntar diferentes opinións. Na reflexión filosófica (en en gran medida tamén en calquera outro campo) non existen as grandes ideas que aparezan da xenialidade dun único individuo, senón que todxs camiñamos sobre os pasos dxs anteriores e preparamos o camiño para quen veña despois de nós. As grandes teorías ou as ideas capitais dunha época constrúense, precisamente, ó longo de toda ese período. Neste sentido, non podemos agardar ser unicamente nós mesmxs xs que aparezamos cunha idea completamente nova, pero tamén hai que ter presente que as achegas que fagamos, por pequenas que sexan, serven para complementar propostas aínda non desenvolvidas ou para que aparezan outras novas no futuro.


Posibles temas a escoller.

É importante ter interese sobre o tema que se trata, pois deste xeito o normal é que teñamos unha opinión máis formada sobre o mesmo e sexa menos pesado ler e buscar argumentos a favor e en contra da nosa postura. Neste caso (para a disertación a entregar impresa ou escrita a man o día 1/12/2022 [grupos A e C] ou o día 2/12/2022 [grupos B e D]), os temas sobre os que hai a opción de disertar son tres, relativos en maior ou menor medida ó campo da epistemoloxía ou teoría do coñecemento:

a) [grupos A, B e C] a relación entre os procesos mentais, concretamente entre os procesos cognoscitivos (o coñecemento) e os procesos apetitivos (o desexo) / [grupo D] a relación entre a dimensión teórica e a dimensión práctica do coñecemento humano;

b) o debate en torno á orixe das nosas facultades mentais (cognoscitivas e comunicati-vas): é a linguaxe o que nos permite evolucionar como especie ou é a propia evolución como especie o que leva a que apareza a linguaxe?

c) a relación entre razón e sentidos (o debate entre racionalismo e empirismo).

A disertación poderá entregarse pola aula virtual ou enviándoa por correo electrónico a brunoformosoandon@edu.xunta.gal (se por calquera motivo non se pode acceder á aula virtual) ata o final do día 4/12/2022. Non obstante, se se entrega dentro das datas estipuladas incialmente para cada grupo, recompensarase cun incremento dun punto sobre a cualificación total.


Estrutura da disertación.

Necesariamente hai tres partes: introdución, tratamento do tema (desenvolvemento) e conclusión. En total, a extensión da disertación debería estar entre as dúas e as cinco caras de folio.

A introdución debe ter unha extensión similar á conclusión (aproximadamente media cara de folio, ou unha cara enteira como máximo). Nela é fundamental presentar de modo claro e explícito a tese ou idea que se vai defender ou criticar. Isto pode facerse mediante unha breve contextualización (na que se referencia a época na que xurde o debate tratado, as personaxes implicadas, etc.: “O debate en torno á aparición da linguaxe pode encadrarse no debate entre ó construtivismo e o innatismo”, p. ex.), a utilización de preguntas retóricas que serán respondidas ó longo da disertación (“Sabemos que a cognición e a apetición son procesos mentais diferenciados, mais, pódese asegurar que non hai ningunha relación necesaria entre eles?”, p. ex.) e a exposición do fío condutor que enlaza ambas posturas (“O debate entre racionalismo e empirismo enfronta á filosofía durante séculos, mais houbo numerosos intentos para resolvelo. Veremos a continuación que posturas os entenden como irreconciliables e cales defenden unha síntese entre ambas posicións”, p. ex.).

O desenvolvemento debe ser a parte máis longa da disertación, pois nel é onde se desenvolve a argumentación propiamente dita. Como mínimo debe ocupar aproximadamente unha cara de folio, aínda que, non obstante, se supera as tres caras pode que sexa demasiado longa, e probablemente se toquen temas que non teñen relación directa co que se escolleu para disertar. Unha boa maneira de introducir argumentos a favor ou en contra de algo (e, tamén, de ligar co-rrectamente as partes dun texto) é respondendo ás preguntas que quedaron abertas na introdución e/ou continuar tirando do fío condutor do debate principal, facendo unha relación dxs autorxs e/ou posturas asociadxs a cada postura. A continuación cómpre explicar as ideas e argumentos propios, os motivos polos que defendemos unha postura ou polos que a rexeitamos. Isto non hai que facelo necesariamente dun xeito afirmativo (defendendo a nosa postura), senón que pode facerse critican-do os argumentos contrarios a nosa posición (ou poden combinarse ambas estratexias). En todo caso, os argumentos e contraargumentos empregados deben gozar de coherencia interna, estar contrastados na media do posible e (moi importante) presentarse dun xeito claro e ordenado para que se entendan ben. A orixinalidade e a creatividade son elementos fundamentais para dar lugar a unha disertación, e o uso de exemplos é moi recomendable como axuda para entender o que se quere explicar (non obstante, os exemplos por si sós, sen explicarse ou sen extraer unha norma dos mesmos, non se poden considerar argumentos válidos).

Finalmente, a conclusión debe ter unha extensión similar á introdución (aproximada-mente media cara de folio, ou unha cara enteira como máximo). Unha excelente maneira de comezala é facendo unha síntese (un resumo breve, sintético) do exposto na que se recorde a pregunta inicial, as diferentes posturas ó respecto e a resposta á que se chega finalmente. O lóxico é pechar a conclusión, e a disertación no seu conxunto, cunha reflexión persoal, na que o tema tratado se relacione coa experiencia vivida e/ou con algún aspecto da actualidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario